20.4.14

Nota de despedida

1 comentarios
Quería falar do tempo aquel. Debeu ser cando un paquete de tabaco custaba dous euros e medio e podíamos fumar nos bares pero aínda non na casa. Cando o verán non entendía moi ben de calendarios e chegaba sempre o día do último exame final e cando en primavera pensabamos nas terrazas e nunca en facenda. Daquela a literatura era o que máis me importaba. Prometín que cando tivese unha casa propia habería de escribir nas paredes o comezo de Cien años de soledad. Creo que foi das poucas promesas que cumprín, e fronte a esas liñas escribín dous libros e fun feliz algunhas veces .


Non sei se todos nós eramos felices naquel tempo, pero si que alomenos brillaba en calquera lugar ao que fósemos unha ilusión de futuro noviña do trinque, a estrear. Talvez descoñecíamos demasiado. Eu sobre todo. O que si sei é que daquela o futuro non era nada semellante a isto de agora. E entre o que ocorre, hoxe só me apetece desexar boa viaxe, Gabo, que a terra sexa leve. Grazas pola literatura.