8.12.13

Sobre 'O derradeiro libro de Emma Olsen'

3 comentarios


Emma Olsen naceu da entrevisión dunha fotografía de Anne Sexton fronte a unha máquina de escribir, no verán de 2011, mentres viaxaba nun Ferry. A súa voz impúxose sobre a miña e cando cheguei ao porto de Barcelona tiña un caderno ateigado de notas e dúas certezas. A primeira, que odio irremediablemente os barcos, e talvez por iso esta é unha novela de vías de tren que se cruzan. A segunda, que me quedaba por diante un tempo longo de escrita no que habería de facer a viaxe máis difícil de todas as que emprendín: a procura de quen era Emma Olsen e, en definitiva, de quen era eu a través das súas palabras.

Hai poucos días escoitei falar a unha profesora da Universidade das Azores dun escritor luso, Afonso Cruz, quen afirmou nunha entrevista: "a ficción é a mellor maneira de dicir aquilo que xulgamos verdadeiro". A ficción, xa que logo, é unha máscara, si, mais tamén unha caixa de segredos, un lugar ao que sempre se lle pode chamar casa e ao que sempre se pode regresar, igual que Emma regresa a Faith, a súa cidade natal, para contar unha historia soterrada durante moito tempo.

Ela explícao así:

Díxome unha vez o señor Montana que a cualidade de todas as grandes historias é que poderían ter ocorrido en calquera parte do mundo. Eu creo que a miña só pertence a Faith e que fóra de Faith ficaría como unha pinga de lixivia no medio do océano. Talvez porque tampouco é unha grande historia. Pero é a miña, a nosa, e aquí fírenos como se a pinga de lixivia caese no medio da pupila, como se atravesase todo o importante de lado a lado. Porque Faith, que está no medio dun círculo xigante, no centro exacto de nada, a cen millas de calquera lugar minimamente interesante, é todo o noso mundo e nada máis nos importa. E aínda que todos desexabamos vivir en Nova York cando eramos novos, ou en calquera outra cidade sempre que non fose Faith, o certo é que no medio de ningunha cousa é posible notar que hai algo que te pertence.
Porque esta é a historia que Emma Olsen nunca se atreveu a contar mais tamén é a historia dunha cidade. E entre a realidade e a ficción, existe unha localidade pequena e apartada en Dakota do Sur, no Medio Oeste norteamericano, que se chama Faith e que vostedes poden procurar nos mapas. En Faith fica abandonada a última estación do ferrocarril construído por Percy Avery Rockefeller a comezos do século XX. A derradeira parada. Semellaba un emprazamento perfecto. Mais a sospeita de que o Faith verdadeiro era un espazo anódino e pouco novelable, sobre o que era incapaz de deixar de inventar sen cruzar a liña do real, foi cubrindo paseniño todo o narrado, limitándome coma se estivese necesariamente atada a unha cadea curta e pesada. Que absurdo. Se a literatura é iso: contar o que non está pero podería estar, imaxinar para liberarse das cadeas, cambiar a verdade coa única condición de a facer verosímil. É, en todo caso, un pacto de ficción. Unha cuestión de fe.

Por iso estou segura de que todos os habitantes literarios que poboan a cidade deste libro sentirán o lugar que inventei para eles como o único posible para contar a historia de Emma e Clarisa, personaxes que transitan as marxes e os límites da amizade, a devoción, o amor e a chantaxe, as fronteiras da propia identidade e un desexo de fuxir auténtico, o de quen non sabe que é exactamente iso do que se fuxe e aínda non descubriu os por qués fundamentais. A historia de como se derruba unha relación entre dúas persoas que se queren demasiado, e de como a inminencia da morte serve para revelar o que máis nos importa.

Outra vez Emma Olsen cóntao moito mellor ca min:

Naquel ano derradeiro que pasamos xuntas, xa non comprendía nada de como era Clarissa e comezaron a renxer as estruturas da nosa historia común. Como ocorre cos castelos de naipes, despois de retirar a primeira carta dos alicerces da estrutura, foron caendo o resto, até que onde un día houbera un edificio non quedou máis que un fato de lastras sobre a mesa que nin sequera proxectaban sombra. Sei que é unha metáfora eslamiada, mais non se me ocorre outra. Clarissa semellaba un artefacto delicado e imprevisible e eu só podía desexar que non rebentase con todo ao seu paso, que a bomba non me estalase a min nas mans.
 Por iso non sei como falar dos derradeiros meses que pasei con ela, nin como contar o que me resta por contar, e temo que ninguén entenda verdadeiramentea a necesidade do meu relato, que o consideren un delirio da que vai morrer e non quere. Talvez levarían razón nisto último. Hoxe mireime no espello e vin un cadáver movendo as mans. Non debería dicilo, porque é un comentario morboso, mais iso é o que vin. En boa medida estou aquí para evitar mover o meu cadáver en actos públicos de recoñecemento que, con certeza, serían celebrados na miña honra se algúns colegas coñecesen o avanzado da enfermidade. O espello bástame para contemplarme así. Ademais, ese tipo de homenaxes cobren todo dunha pátina de grandeza que anticipa as exequias que virán. Con frecuencia, negan a morte de xeito absurdo entre aplausos festivos. E se a escrita fose tamén un xeito de negación, de resistencia, prefíroa a calquera outra cousa.

Eu, como Emma, tamén prefiro a escrita a calquera outra cousa. As palabras salváronnos ás dúas de ficar pechadas para sempre en Faith. A Emma a a min, enfrentadas unha á outra.

E agora que ela é de tinta e papel e que xa non estamos soas e perdidas nun barco no medio do mar, senón nas mans de todos vostedes, só me resta dar as grazas a todos os que fixeron iso posible.




1.12.13

Digamos que

0 comentarios
Hoxe que o libro de Emma Olsen xa é de verdade, as palabras que ela escribiu para cumprir cunha débeda e ficar en paz antes da morte, deixan en min a sensación de que a vida, como a literatura, non é máis que un preludio. Un preludio de nada.

Hai un poema de Blanca Varela, poeta peruana finada hai poucos anos, que é probablemente, para min, o poema perfecto. Titúlase "Currículum Vítae" e malia que os currículums adoitan servir para presentarse, a necesidade de facer balance que comporta desenvolvelos faime pensar neles como en textos de despedida. Sobre todo este, este particular currículum que deixo aquí, perdido no medio da noite, a derradeira noite de novembro, alumeando un bocadiño até que chegue a escuridade. E déixoo aquí porque dentro del hai, a un tempo, un adeus e unha desculpa. E iso son moitas cousas para dicir en só once versos. Déixoo aquí porque quere contar, creo, algo semellante ao que falaba antes. Que a vida e a literatura son sempre un preludio de non se sabe que, un preludio de nada, no que algúns nunca soubemos xogar coas cartas marcadas. 


Digamos que ganaste la carrera
y que el premio
era otra carrera,
que no bebiste el vino de la victoria
sino tu propia sal,
que jamás escuchaste vítores
sino ladridos de perros,
y que tu sombra

tu propia sombra

fue tu única
y desleal competidora.