17.7.13

Cousas que me fan sentir que vivo noutro planeta

Cabréame de cote que se empregue a expresión "ah, é que eu son de letras", como xustificación ao descoñecemento, igual que me cabrea a tendencia a pensar que todas as persoas que "somos de letras", somos tamén naturalmente estúpidas e non sabemos pasar de quilos a gramos. É como supoñer que a xente que estudou matemáticas, bioloxía ou medicina non le ou non é quen de redactar unha instancia.

Por iso conto isto:

Mediodía nunha franquicia de maquillaxe do centro de Santiago de Compostela.

—Quería unha crema hidratante para a cara con protección solar, coma esta— ensínolle o bote, a depententa marcha e regresa para amosarme unha de factor 15.

—Esta es muy buena— recomenda

—Precisaba un factor máis alto, é para diario— a dependenta queda pensando un anaco

—Te puedes llevar esta y echarte dos capitas, y ya te hace un treinta—

Non fun quen de explicarllo e rematou preguntándome se non era moi constante con estas cousas, é dicir, que entendeu que non levaba a crema por vaga.

Esta é unha das razón pola que é importante aprender ciencias na escola. 

Dixen

3 comentarios:

The Thing dijo...

Se ben parto da mesma idea expresada no primeiro parágrafo, non é menos certo que considero que hai xente máis dada para un lado ou para outro. Ás veces incluso é algo variable ó longo da vida.

Casos de ignorancia matemática (por chamarlle de algún xeito) coma o que comentas... téñoos a moreas. Recentemente tiven a unha cliente á que lle preguntei por un código numérico que lle ven en certo aparato: "Ten que empezar por 2" dixen. Ela respostou, insistentemente, que non, "no empieza por 2, no, no, empieza por 24".

Eu simplemente penso que a xente non se da conta do seu propio nivel de estupidez e así pasa o que pasa.

Claro que eu son de ciencias...

confabularionovo dijo...

Penso coma ti que é certo que hai xente máis inclinada cara un lado ou cara outro, é cuestión de intereses que vas desenvolvendo ao longo da vida.

Chámanlle anumerismo a iso que comentas, e hai moitos casos preocupantes.

O nivel de estupidez, propio ou alleo, tamén é preocupante, mais algunha xente "de letras" procuramos ir polo mundo manexándonos cunha solvencia aceptable en certos aspectos que eu non consideraría "científicos" senón de vida práctica, igual que moita xente de ciencias é quen de redactar un escrito e que se entenda.

Tamén observo unha certa tendencia a considerar que a cultura xeral é a cultura do trivial, e así como os estudos de ciencias están máis valorados, de xeito contraditorio semella non resultar un problema de cultura xeral para ninguén descoñecer por que o vapor de auga se condensa despois da ducha.

Apertas!

The Thing dijo...

Coido que o exemplo que mencionaba vai máis aló do anumerismo, é simplemente non fixarse no que se está a facer.

Supoño que a primaria, e en certo punto a secundaria, están para que todos sexamos quen de manexarnos en ambos "aspectos" vitais cun mínimo de soltura e práctica. É tamén bastante evidente que esta teoría falla estrepitosamente, pero non vou entrar en cales son os culpables.

Coincido en que hoxe parece que iso que dan en chamar cultura xeral máis ben é unha colección de datos curiosos, de números, datos, frases que chamen a atención. Claro que tamén hai quen se vai ó outro lado da escala e chámalle "xeral" ó que eu lle chamaría ser sumamente pedante, pero é a excepción.

Coido tamén que esa especie de tendencia a "refuxiarse" en "eu son de letras" pode basearse non so na teórica maior facilidade das letras con respecto ás ciencias (e a verdade, na miña opinión, moi frecuentemente non é so na teoría), senón tamén en que as letras quizáis sexan moito máis subxectivas que as ciencias. É dicir, quen máis, quen menos, sempre pode falar, expresarse, dun xeito ou doutro, de modo que se faga entender, non tendo por que ser completamente correcto o seu discurso (como é o meu caso... xD), mentras que as ciencias oblíganche a que os resultados sexan os correctos ou, se tal, dentro dunha determinada marxe (caso das ciencias biolóxicas).

Coido que isto tería máis desenvolvemento de idea pero paréceme que xa aburrín o suficiente e non teño as cervexas necesarias para iso tampouco...

Cóidese vostede.