17.7.13

Cousas que me fan sentir que vivo noutro planeta

3 comentarios
Cabréame de cote que se empregue a expresión "ah, é que eu son de letras", como xustificación ao descoñecemento, igual que me cabrea a tendencia a pensar que todas as persoas que "somos de letras", somos tamén naturalmente estúpidas e non sabemos pasar de quilos a gramos. É como supoñer que a xente que estudou matemáticas, bioloxía ou medicina non le ou non é quen de redactar unha instancia.

Por iso conto isto:

Mediodía nunha franquicia de maquillaxe do centro de Santiago de Compostela.

—Quería unha crema hidratante para a cara con protección solar, coma esta— ensínolle o bote, a depententa marcha e regresa para amosarme unha de factor 15.

—Esta es muy buena— recomenda

—Precisaba un factor máis alto, é para diario— a dependenta queda pensando un anaco

—Te puedes llevar esta y echarte dos capitas, y ya te hace un treinta—

Non fun quen de explicarllo e rematou preguntándome se non era moi constante con estas cousas, é dicir, que entendeu que non levaba a crema por vaga.

Esta é unha das razón pola que é importante aprender ciencias na escola. 

Dixen

12.7.13

Grazas

2 comentarios

Foi unha tarde linda a de onte arredor da poesía e deste libro, Raíz da fenda, do que non quería volver falar no blogue en tan pouco espazo de tempo. Mais a ledicia do reencontro con persoas queridas, algunhas que non vía desde hai moito tempo, o pracer de compartir espazo e paxaros de origami con Fran Alonso, con Marilar Aleixandre e con Fran P. Lorenzo, tres persoas lúcidas cuxas  p a l a b r a s  valoro tanto e tanto, e o espazo fantástico que é a libraría Lila de Lilith, fixeron imposíbel agardar. Tiña que deixar aquí estas liñas e estas fotografías.

Esta semana estou esgotada, por esas cousas que teñen algunhas datas nas que todxs andamos pechando proxectos e actividades que planificamos durante todo o curso. Foron días de erguerme cedo e deitarme tarde, de pouco durmir e máis café do habitual.  

O que non podía imaxinar, nin por un momento, é que os exemplares do meu libro das feridas estaban tamén esgotadoscamiño da reimpresión despois de só un mes nas librarías. 

O abraio. A marabilla. Porque a min non me pasan estas cousas. E xa sei que non hai para tanto. Porén,  non podo máis que estar feliz de que alguén recollese os meus versos na outra beira, porque iso é todo canto desexo (iso é o único importante, realmente), como escribín aquí hai algunhas semanas.

Foi un mes, por outra banda, emocionante en moitos sentidos, porque recibín mensaxes de persoas  contándome que se fixeran co libro e como o acolleran para si, palabras que non agardaba e que levo pegadas no corpo como se levan as tiras de esparadrapo sobre as feridas. Algunhas delas persoas amigas que me reconfortaron coas súas lecturas despois destes anos de perdas e carencias nos que escribín o poemario. Outras, outros, caras descoñecidas, que non vin nunca, e que me enviaron relatos íntimos sobre as súas fendas que atesouro co coidado e o mimo co que se gardan os tesouros e os segredos, que me falaron das súas cicatrices como redes sen captura. Emocioneime moitas veces, máis das que me emocionara coa recepción de todos os meus libros anteriores por xunto.

Grazas.
E grazas aos que estivestes onte comigo para compartilo.
E que os paxaros de origami voen lonxe para que se cumpran todos os nosos desexos.









*O do branco e negro non é unha artistada: as fotos a contraluz non saíron ben e foi a mellor forma de arranxalas.