12.6.13

O peche dos cines Valle Inclán


Os cines Valle Inclán pechan o trinta de xuño. Sobreviviron sete anos máis que os cines Equitativa na Praza de Lugo da Coruña, outra sala á que quixen moito, aínda que por distintas razóns. A miña primeira película no cine: creo que foi Bambi, ese é o recordo. A última, probablemente non a derradeira: A caza. As dúas no Valle Inclán. As dúas, cada unha ao seu xeito, experiencias fantásticas.

Non serei eu a primeira en dicir que estes cines son un símbolo; un símbolo doutro Santiago, de baldosa e soto, de pouco brillo, de vella-parte-nova da cidade. En realidade, un símbolo doutro mundo, o dos posters pegados en taboleiros con chinchetas, e os horarios das salas impresos en cartulinas, e as moedas da recadación gardadas nunha caixa metálica por vez de rexistradas nunha pantalla táctil.

O mundo das entradas sen numerar, de chegar con vinte minutos de adianto para coller sitio, de deixar de chegar con vinte minutos de adianto porque xa sempre hai sitio baleiro. Á saída do cine, tomar un café no bar "La taquilla" para falar do filme un anaco. E camiñar de noite, de regreso do cine, ata a casa.

Decátaste de que xa non poderemos ir andando ao cine?

Este outro cine que nos deixan, nunha cidade que hai moito tempo que comezou a perder os seus símbolos (ou, talvez, nun mundo que hai moito tempo que comezou a perder os seus símbolos) é o cine de estrea e butaca cómoda, de entrada cara e grupos de adolescentes a un lado e a outro, de combo de flocos de millo e cocacola xigante, de super pantalla e centro comercial. Á saída dese cine, non hai lugares nos que falar da película. Ben mirado, tampouco poñen películas das que falar.  

Quedamos orfos de películas, alén do Cineuropa, do ciclo Amal e algúns outros, poucos. Os que amamos o cine máis alá do outono, máis alá das propostas para o grande público, quedamos orfos. En parte porque está por chegar (cedo) o momento no que consideremos seriamente se podemos permitirnos pagar catorce euros por dúas entradas para unha película trivial, se nos compensa investir tanto cando o mesmo prezo custa un DVD dun clásico que, por azares, nunca vimos, ou dunha estrea do ano anterior que nunca chegou á nosa cidade. Ou de calquera outro produto que nos alimente máis e mellor que iso que nos ofrecen no centro comercial. Quedamos orfos.

O día 30 de xuño pechan os cines Valle Inclán. Seis persoas perden o seu traballo. E eu perdo algo que era valioso para min: un espazo para albiscar outros mundos.

2 comentarios:

The Thing dijo...

E en Pontevedra xa non quedan, a día de hoxe, nin os cines da estación de tren. Todos os outros, o Gónviz, o multicines, todos, pechados hai ben tempo. Disque os da estación de tren igual os voltan abrir pero...

...de todos xeitos, non son de ir moito ó cine, por mor do prezo principalmente. Agora, é unha mágoa que se pechen lugares así.

Por certo, unha pequena corrección doblemente xeográfica, os Equitativa, se lembro ben, non estaban na praza de Lugo, senón na de Vigo.

confabularionovo dijo...

Pois efectivamente, foi un lapsus lingüístico, porque a praza de Lugo é onde está agora a FNAC. A praza é a de Vigo. Sempre me gustou toda esa parte da cidade, entre Juan Flórez e o porto, os edificios modernistas, a luz.
Unha aperta!