8.3.13

Un segundo

0 comentarios

Hai un segundo desta canción -só un segundo- no que teño dezaseis anos outra vez. Estou no meu cuarto, sentada nunha cadeira vermella fronte a unha parede onde hai un poster que di "Non á guerra de Irak". Meus pais ven unha película na sala despois de cear, eu repaso un esquema do exame de filosofía do día seguinte mentres soa a música nun aparello que ten para meter cintas e cedés. Non teño aínda ningún reproductor de mp3. Veño de ler "Sétima soidade", de Pilar Pallarés que me deixou Rosa, a miña profe de galego. Non sei aínda o que vou ser de maior. Penso que sempre sempre sempre serei como son agora. Que nunca nunca nunca pasará nin sequera unha semana sen escoitar este disco de Silvio Rodríguez.