14.2.13

A media laranxa



O martes quedei atrapada no medio da cabalgata do antroido, case incapaz de camiñar ata a parte nova da cidade. Foi unha tarde curiosa, un verdadeiro traballo de grupo sobre orientación no espazo e compostelanismo. Descubrín que son quen de dar grandes rodeos para mercar un par de medias e non crean que foi esta unha descuberta sinxela de levar, porque ata estiven en risco de saír de fondo na retransmisión da TVG, sen paraugas e mollada coma un pito. Tamén viaxei de volta no ano 1993 (e sen Delorean ningún) ao atravesar o desfile entre a música das Bolas do Dragón e os bonecos dos Fruitis (lembran aquelo de "somos blancos, somos verdes/ somos negros y amarillos/ somos todos diferentes/ y estamos muy unidos"?) Puro remake.

Entre tanta froita de debuxos animados e aproveitando que -disque- hoxe é o día do amor, pensei que, talvez porque nunca quixen disfrazarme de princesa (senón de india, de vaqueira ou de bruxa)  tampouco confiei, desde que teño memoria, nese conto da media laranxa. De ser eu unha froita, sería unha mazá, unha cereixa ou unha mandarina. Agradezo que non me educasen para ser laranxa e, con todo, gústame pensar que, de selo, sería unha laranxa completa; unha laranxa completa que rodase polo mundo abaixo soa ou a carón doutra laranxa completa, dun limón completo ou dunha bicicleta de carreiras completa, non digo que non. 

Mais non preciso de ningún ser partido pola metade que veña rescatarme das miñas carencias. As miñas carencias e máis eu, de feito, levámonos ben. A min bástame con poder contar con alguén capaz camiñar comigo a través de atallos e rodeos e de atravesar un desfile de nenos vestidos de plátanos só por acompañarme a mercar un par de medias de la. Esa é a miña escolla. Así que o martes pola tarde foi o día do amor, e hoxe é un día para que ninguén me leve a contraria con carísimos e importados contos de fadas. Dixen.





7 comentarios:

The Thing dijo...

Semella un bo inicio de argumento de película unha rapaza nova que, indo na procura dunhas medias de lá (importante isto, dalle un tono máis cálido e local que unhas de nylon, moito máis frías e extranxeiras), case remate mollada en directo na TV, tamén local.

Se isto non é o inicio ideal para unha película valentinesca... non sei que o pode ser.

Por certo, intrigante video. Supoño que ven dicir "máis vale so que ben acompañado" ¿non si?

confabularionovo dijo...

É unha montaxe de vídeo dun álbum infantil ilustrado de Shel Silverstein, un dos meus favoritos. Creo que a mensaxe é máis ben "atopar a media laranxa non é o sentido de ningunha vida". Apertas!

The Thing dijo...

Podo estar de acordo en que non sexa o sentido de ningunha vida, e estouno. Coido que é obvio.

O que xa non teño tan claro, nada claro, é que este video teña esa mensaxe. De feito, ata que parece que atopa a súa "missing piece", case semella máis ben unha versión divertida e moito máis soportable de "Sexo en N.Y.".

P.D. De novo, mágoa que non haxa imaxes túas baixo a choiva na tv. Non hai escea máis romántica ca unha muller nesa tesitura, aínda que sexa na procura dunhas medias de lá. E todo na "semana do amor" (patrocinado por E.C.I., ehem...)

confabularionovo dijo...

É bo dos álbums ilustrados, que, de cote, nos permiten moitas visións diferentes. Apertas!

The Thing dijo...

Iso é aplicable a, diría, calquer concepto da vida. O vermello que ti percibes non é o mesmo vermello que percibo eu.

Ou si?

confabularionovo dijo...

Agardo que se parezan, polo ben dos semáforos. Apertas.

The Thing dijo...

Esa especie en perigo de extinción en segundo que cidades...

Chegaría con saber que están por enriba de todo. O cal non deixa de ser unha curios representación simbólica. A prohibición vai por enriba do perigo e do permiso de paso.

Hummm... estasme a tolear rapariga...