28.2.13

A experiencia Biblos


Quedan unhas poucas semanas antes de que remate o prazo para enviar, se es menor de 25 anos, o teu proxecto de novela ao IX Premio Biblos-Pazos de Galicia. Eu fíxeno unha vez, en 2008, e tiven a sorte de formar parte dunha proposta novidosa e altamente atractiva para quen nos iniciamos no mundo da escrita. O Premio Biblos non debe asustar a ninguén que teña boas ideas e moitas ganas de escribir e aprender, aínda que moitas veces, desde a soidade do noso cuarto, semelle complicado atraverse. É unha oportunidade para entrar en contacto cunha titora como María Xosé Queizán, no caso deste ano, que te axude cando te atopes sen folgos ou perdido no medio dun bosque de palabras e tramas. Os escritores premiados contaron así, ao longo dos últimos sete anos, con segundos de abordo de altura que estiveron aí para ler, aconsellar, opinar, sinalar... A novela e túa, claro, ninguén a vai escribir por ti, e túas serán tamén todas as decisións, mais seguro que, se algunha vez te sentiches só e perdido mentres escribías, comprendes o interese deste proxecto.

Soamente por esa experiencia xa pagaría a pena, pero, ademais, o Premio Biblos comporta a edición desa ópera prima na que traballaches con mimo, a posta no papel dese proxecto de aprendizaxe que, talvez, está bulindo agora na túa cabeza. Pénsao ben: non sería xenial que ao final deste ano se convertise nunha novela de papel? Non sería xenial que ao final deste ano tiveras aprendido mil e unha cousas para facerte mellor escritor? Pois non perdas a oportunidade: estamos agardando por ti!

1 comentario:

The Thing dijo...

Hummm... chégame uns lustros tarde... pero graciñas.