27.12.12

Te lo juro que no volveré




Teño pouco que escribir a propósito deste anuncio que se expande pola rede, e que sabe a  bocata de xamón york envolto en papel aluminio para a merenda, a fotografía enmarcada do rei sobre o encerado e tamén un pouco a canción de misa.  Hai poucos días  lin nun tweet: “Fofito, paga la coca”, e non se me ocorre unha glosa mellor para ese alarde de optimismo rancio que nos chega coa forma da xelatina marrón dos bordos do propio xamón que se anuncia, entre outros embutidos aos que estamos absolutamente acostumados, por desgraza.

Contra a metade do comercial, que vai camiño de se converter nunha epidemia,  fálase desa “generación mejor formada de la historia” que está a ser exportada (como a froita, supoño) ao resto do mundo, e unha moza ben curriña cunha maleta de rodas mira a cámara para dicir “volveremos!”.  O primeiro que pensei é en se a maleta que leva a coitada sería a mesma que lles dou Feijóo aos sesenta premios extraordinarios de fin de carreira, ademais dos dous mil cincocentos euros cos que está dotado (que, ben mirado, chegan para un billete de avión –de ida, que hai que aforrar e ser realistas- a calquera parte do mundo). O segundo que pensei xa non se pode dicir en público, mais deséxolle á rapaza do anuncio que regrese ao seu Albacete natal cando lle pase o espírito aventureiro, mentres todos damos palmas porque uns poucos futbolistas que só se representan a sí mesmos corren detrás dun balón para gañar copas que lle fagan esquecer ao españolito medio o desemprego e o spanish way of life que nos agarda nas décadas que veñen. Para ela vai esta canción, que entoarán ao unísono todos os que marcharon facendo soar os sobres das súas nóminas de ninmileuristas como castañuelas desa España que deixaron.



Porque a sintonía deste Nadal, a que estou a escoitar ultimamente, non ten nada que ver con este anuncio, é máis ben esa que di “a filla de Fulanito marchou para Noruega” ou “o neno de Mengana atopou en Brasil”, por non falar dos “eu, xa ves, se non fose por meus pais” ou dos “a ver se convocan opos este ano”. E, aínda máis subterránea, acalada, esa música das que quedamos aquí, talvez porque non temos afán de aventura ningún, ou porque o noso afán de aventura non pasa pola mendicidade que nos agardaría se marchásemos; as que fixemos iso que nos dixeron que había que facer e agora ficamos pampas observando o futuro como un coello no medio da autoestrada, soñando aínda con traballar para o que nos formamos, con que non nos ofrezan contratos lixo ou bolsas de estudos que non bastan para vivir dignamente e polas que nos convidan a loitar como gladiadores do circo. Que ninguén se esqueza das que non temos outra ambición que a de ser mestras de escola no noso país, arquitectas no noso país, filólogas no noso país. Claro que ás veces o noso país nin sequera é rojigualdo como o de Fofito, aínda que poñan a nosa lingua no currículum de todos, e asistimos a este espectáculo dantesco do noso soño que se esvae como un ronsel de nubes brancas sobre o ceo azul dos veráns que nunca dan chegado. 

2 comentarios:

franplorenzo dijo...

completamente dacordo, no que dis e en como o dis.

confabularionovo dijo...

Pasei por Un País en lata e xa vexo que aos dous nos cabrean os fiambres! :)