9.8.12

Obsolescencia e idioma

O meu teléfono móbil decidiu enfeitarse na tarde de onte cunha mensaxe de erro: un pequeno rectángulo branco cun texto simple "error", que non responde aparentemente a ningún defecto no seu funcionamento normal. Insistiu varias veces, como cando se esgota a batería e avisa en repetidas ocasións de que se vai apagar en breve. A cuestión é que non dou atopado a deficiencia da que me avisa e comezo a pensar que en realidade non existe, e que máis que unha advertencia, a mensaxe de erro é unha ameaza. Na próxima primavera cumpriremos catro anos de fructífera relación só interropida por aquelas semanas que extraviei o cargador na miña propia casa e tiven que mercar un cargador universal para substituílo. Non teño intención algunha de cambiar o teléfono por outro a pesares das molestísimas mensaxes da miña compañía telefónica, que me alenta a aceptar, case unha vez por día, unha oferta de tarifa que non necesito e un terminal intelixente que non me apetece mercar. E iso só porque hai moito que excedín o tempo de permanencia obrigatoria que me une a eles. 

Lembroume todo esto a unha historia que me contara unha amiga sobre a súa impresora, que comezara, igual que o meu teléfono, a dar mensaxes de erro un día calquera, ata que a dependenta dunha tenda de venta de cartuchos lle confirmou  que a impresora en cuestión estaba programada de fábrica para lanzar esas mensaxes a partires dun certo número de copias, independentemente de que estivese estropeada ou non. Non sei se é o meu caso agora, mais si que ao próximo que me diga aquelo de que mercar un cargador novo/reparar o teléfono non me compensa porque podo cambiar de móbil por menos cartos, é posible que lle conteste mal. Catro son os anos de relación co meu teléfono e seis co meu ordenador portátil que, segundo o rapaz que me atendeu na tenda de Apple na que lle merquei unha batería nova a primavera pasada, debería  ir pensando en cambiar.  A culpa é miña por mercarlles cousas aos de Apple, que son o máis semellante a unha mafia ou a unha secta. Xa ven que eu non son un exemplo de nada agás da contradicción, e teño que recoñecer que dependo bastante das múltiples trangalladas que inventaron para me facer a vida máis fácil (sobre todo dun sistema operativo que me resulta terriblemente cómodo) e que nos seis anos últimos non lembro ningunha ocasión na que o meu portátil ficase trabado ou colgado ata o punto de ter que desenchufalo polas bravas.

É posible que resistir estes envites pequenos do sistema económico no que vivimos non sirva para nada en absoluto, mais ese é o único argumento que empregan os que mercan un apartamento só para vendelo máis caro coa idea de que todo o mundo o fai así, e de que non especular coa vivenda é o mesmo que ser parvo. O primeiro teléfono móbil que tiveron os meus pais (calculo que polo ano 98) funcionaba perfectamente en 2006 cando o precisei durante algunhas semanas, e cambiei de coche cando o ZX de segunda man que tiñamos deixou literalmente de funcionar. Tamén é o mesmo argumento dos que me preguntan por que escribo en galego e non en castelán, cando existen máis oportunidades nun sistema que ten máis lectores e máis industria. A razón é a mesma: porque é tan normal escribir e falar na lingua do país no que vives como non remprazar cousas que funcionan perfectamente. O que me cabrea é que as persoas que se atreven a cuestionar estas opcións consideren que os que tomamos outras só o facemos por gañar unha reputación de mártires. E estou xa farta de ter que admitir preguntas que, honestamente, non deixan de resultar impertinentes e prexuizosas por estaren sustentadas nunha masa maioritaria de opinión na que semello non estar nunca.


7 comentarios:

The Thing dijo...

Non podería estar máis de acordo. Se acaso precisar que Mac OS ven sendo Unix por debaixo, que os de Apple non o inventaron todo, pero xa sería demasiado friki e mellor non digo nada...

confabularionovo dijo...

Os de Apple inventaron a maneira de facermos crer que son imprescindibles! Ou cando menos iso intentan!
:)

The Thing dijo...

A pesares de levar moitos anos con ordenadores, nunca tiven un Apple. Case non os cheirei, nin teléfono, ni mp3, nada.

Non hai nada que me moleste máis (bueh... si, pero noutros temas) que pretenderme vender aquilo que non preciso.

O meu móbil leva cinco anos e medio comigo. E metras dure...

confabularionovo dijo...

O problema é que están feitos para non durar, esa é a roda na que estamos!

The Thing dijo...

Eu coido que están feitos máis ben para que, á mínima que se escarallen, custe máis reparalo que por outro no sitio.

Ah, e cada vez sácanos máis apetecibles. Seica.

David Villares dijo...

cApple non é máis que unha compañía que vive de dous tipos de consumidores: os que o precisan e os que non. Tende a explotar aos segundos xa que a súa tendencia a estar "á moda" é, para eles, o modelo perfecto de consumidor.

A política da súa produción é clara: crear aparellos que dependan doutros e que todos xuntos teñan unha vida limitada. Desta maneira asegúranse que a xente seguirá gastando cartos con eles, e así me pasou a min co meu iPod Video de 30gb, que morreu sen decir adeus. Dende aquela, o meu odio á compañía e a súa política é moi profundo.

Sempre confiei en Nokia (no caso dos móviles) e en Asus (no caso dos PC). Cun pouco de agarimo, todo dura.

confabularionovo dijo...

Estou de acordo, aínda que o meu móbil xa morreu nesta altura, pero estou segura de que o novo teléfono estará comigo ata que caia a cachiños como pasou co anterior. É a resistencia que nos queda! :-)