18.7.12

Breve nota de verán sobre o "Xardín de Inverno" de Ledicia Costas

A Ledicia Costas escoitámola - porque a escoita foi compartida- por primeira vez a comezos de xuño nun combate poético no Ultramarinos, en Compostela. A súa poesía atravesoume, non de lado a lado como unha agulla estéril, senón como unha bala que permanece aloxada moito tempo, talvez para sempre, dentro do corpo. Os restos da súa pólvora poética inundaron os últimos días dun final de primavera apartadizo. Agora mesmo regreso da presentación do seu Xardín de Inverno na libraría Lila de Lilith, a nosa segunda vez -porque tamén esta ocasión foi compartida- nos comezos dun verán de sede. Alí compartiu con todos nós o seu xeito poderoso de converter a palabra en materia, tan magnético como o lembraba. Fixo agromar dentro de cada un o verso coma se fose propio, aí dentro onde nace tamén o frío, coma se non estivese a nos falar de si, senón a nos lembrar algo profundo e antigo de nós mesmos que tivesemos esquecido sen querer.
 
Despois de ler Xardín de Inverno, editado por Everest con lindas e pertinentes (case diría necesarias) fotografías de Daniel Puente Bello, non me pareceu un canto á ausencia, aínda que inevitablemente se fale da ausencia cando se trata de evocar esas cousas unha vez se perderon. O que poboa o xardín é todo un catálogo preciso do que falta, o inventario do que verdadeiramente manca porque algún día o amamos dunha maneira ou doutra: "apócemas con ortigas/para acabar co mal de ollo", "ese frío azul/ que estraga as colleitas", "as espiñas do peixe cravándose nos estómagos" e "o corazón da figueira/ e a súa sombra de estío". Non é un pranto lastimeiro, senón un himno de rebelión, afouto e valente ("un día agarrei o esparto de mamá/ e freguei ata deixar os brazos enteiros/ vermellos de rabia") sobre a morte da avoa e a perda da infancia como territorio de segura identidade. Xardín de inverno é ás veces incendio, outras devastado deserto de xeo. Non atopei nel nin signos de puntuación nin choros, e por iso sentín que este libro falaba de min, como me pasa cos libros de poemas que aínda me emocionan, os que me prenden por dentro.


No hay comentarios: