15.5.12

Un selo de cristal

A Carlos Fuentes quedáronlle libros por escribir. Naquel índice maiúsculo e soberbio que titulou La edad del tiempo, ordeou as súas novelas na historia dun México que -creo- amaba. Acomodounas todas, as xa escritas e as que estaban por escribir. 
Todas. 

Fascínanme hoxe os títulos non natos, como cadaleitos metodicamente dispostos para perdurar. Escribiu tamén outros libros que podemos anotar agora polas marxes, algúns deles os meus favoritos, verdadeiras revelacións, como Instinto de Inez. Esta novela comeza cunha frase certeira por definitiva: "no tendremos nada que decir sobre nuestra propia muerte". 

Pensaba Carlos Fuentes que a literatura é necesaria, como é necesario entender o mundo desde os outros lados, os que non se poden medir: abandonar o racional para abismarse ao posible. Pensaba tamén que a novela serve non para dar respostas a nada, senón para nos facer as preguntas importantes. Como narrador, era un deslumbrador.

 Morreu esta tarde no seu México natal, que definiu nunha ocasión como un país feito polas súas feridas. Gústame pensar que apertaba entre as mans un selo de cristal.

No hay comentarios: