1.5.12

Extramunde

Estes días releo a novela coa que X. Queipo gañou o premio Xerais en 2011,  Extramunde, que está nas librarías desde o mes de setembro. Bulíame na cabeza desde o verán o desexo de falar deste libro, nunha desas entradas para o blog que comezo pero nunca remato. Xentes máis autorizadas e sabias explicaron e explicarán con minucia as razóns para mercala, disfrutala e compartila, así que os meus argumentos probablemente sobren, e por iso vou prescindir deles. Quero contar só como me emociona, porque penso honestamente que Extramunde é máis que un libro recomendable. Podo dicir que é unha novela de aventuras, de barcos, de fuxidas e de encontros, de personaxes que se dilúen e se abandonan ao longo da viaxe, do seu ronsel sobre moitos mares. Podo dicir tamén que atopei nela un oficio narrativo impecable, o dun autor que combate e reinventa cada libro sen tomar atallos, como a maioría dos autores que aprezo. Podo dicir isto e ficar calada, porque son motivos que bastan para atopar o que un busca, o que eu busco cando menos, nunha novela, motivos para considerala moi destacable, para considerala alta literatura -se queren- e circunscribila a ese espazo: o da ficción ben feita. Pero ás veces hai literatura que é algo máis, e por iso dicía que é máis que un libro recomendable: é un libro necesario. 

E aí está clave de como me emociona, o que quería contar, o que me importa e de verdade me afecta: que se trata dun canto á diferencia, á virtude de diverxer, de transitar as marxes, de estar afastado e saber por que. Un canto ao plural fronte ao único, unha invitación a ser diferentes e tamén felices. Necesitamos, nestes tempos que se prometen escuros por azuis, reivindicarnos así, apreciarnos polo que somos, autoquerernos distintos. Porque se un día nos fixeron sulagados e cóncavos, cómprenos aprender que as bandeiras nunca se ergueron cos brazos senón coa emoción de saberse arredado dos mastros dos outros. Aínda que os mastros dos outros semellen longos e fortes, e as bandeiras propias fiquen feitas farrapos polos ventos que corren.

No hay comentarios: