17.12.11

Unha historia de concellos e cellas, ou un conto de Nadal...

Hoxe chamáronme dun Concello X. Non nos interesa cal. Collín o teléfono confiada, sen saber da retorta e surrealista historia que me ían contar a través del. Ao outro lado do aparello está un señor que de seguido se identifica como Manoloodecultura*.

Pois ben, Manolo o de cultura comeza a largar o seu rollo:
-Ti es Bertadávila?-
-Son- contesto eu-
-É que resulta que Pepe, de aquí de X, ten unha cuñada que resulta que un amigo dela lle falou de ti que eras unha rapaza nova que é escritora**-
-Desculpe, de onde me chama?- (Porque a esas alturas do conto eu aínda non sabía de que lugar me chamaba nin a que outro lugar quería chegar o bo do home.)
- Chamo de aquí, do Concello de X, porque o 26 e máis o 27 queremos montar un taller aquí na plaza de Z e queríamos que o fixeras ti-
-Mire, pero é que iso é dentro dunha semana, iso hai que preparalo, ademais nunha praza vai ser un pouco complicado-
-Non te preocupes muller, que se hai "inclemencias"***, poñemos a carpa- (Unha carpa! pensei eu, como a carpa do pulpo, que Kitsch, literatura en forma de festa gastronómica, mesturando contextos, tecendo pontes...)
(...)
A conversa (breve) continúa desvariando un anaco sen que eu poida intervir moito. Manolo dime que o obradoiro ven sendo para os rapaces, porque os pais traballan, e que sería o luns 26 pola mañá e pola tarde, e o martes 27 pola mañá. Tamén di que pagar non pagan, que xa me chamaron a min porque seica o amigo da devandita cuñada lles dixo que eu era simpática, e porque outro non lles vai (e que eu teño que entender que a outro escritor así maior xa non se atreven a chamalo porque os manda á merda****)

(...)

- Mire, non vai poder ser, entenda que me avisa con pouco tempo, e que ademais non me van pagar nada por botar aí un montón de horas- digo
- Muller, invitámosche a comer e se necesitas pagámosche a gasolina- contesta cunha resolución que é de envexar.
- Xa pero non vou poder, síntoo
E o final é o mellor. Manolo o de cultura, xusto antes de colgar o teléfono, sentencia:
-Buenoo, outra que se vai de fina!

Quedei coas cellas tan levantadas que aínda teño que ir recuperalas polos teitos da miña casa. E que conste en acta, que nunca foi determinante para min cobrar ou non por ir a algunha parte, que agradezo moito os convites que me fan, e vou aos sitios polo pracer de compartir a palabra, de escoitar aos outros, de comunicar e dar a coñecer o que escribo. Pero iso é unha cousa e outra moi distinta é facer de monitora de tempo libre de balde e pola cara, e por riba dar as grazas porque se non resulta que vas de fina. Que hai moita crise! E por certo, morro de ganas de saber cales foron os outros que, antes ca min, foron de finos e dixeron que non montaban ludoteca debaixo da carpa no Concello de X.


*Empregamos nomes ficticios, para darlle á cousa un aquel de misterio, non vaia ser o demo
** Aquí tampouco reproduzo os nomes reais, pero xuro que o da cuñada é certo.
***Literal, hai testemuñas
**** Tamén literal, pero hai que recoñecer que aquí Manolo ten razón, calquera o mandaría á merda.

1 comentario:

Concha dijo...

Grazas por este momento de risa o domingo pola tarde. Xa o di Rivas: vivimos no impaís!!
Un bico e bo nadal.