17.11.11

Un limón para cada un

As mulleres da miña familia temos soños extraordinarios. Non sei que compoñente xenético pode haber en que isto sexa así, sospeito que ningún, pero o caso é que nos acontece. Soñamos de xeito estraño, moi real por veces, como guionizado por alguén. Hai un par de días soñei un conto enteiro de principio a fin. Nunca me ocorrera exactamente así, cun desenlace tan ben artellado. Ao espertar tomei algunhas notas difusas para non esquecer nada. Non sei se todo estaba no soño ou se, aínda adurmiñada, puxen eu a forma, algo de estructura.

Soñei que voaba por un país marabilloso, ateigado de estrañezas. Voaba sen ás nin artefactos, como se camiñase polo aire. Entón coñecía a un home maior, de barba longuísima -chegáballe aos pés-. El dicíame que adicara a súa vida enteira a idear a maneira de permanecer para sempre, de non morrer de todo. Ensinábame un campo enorme, infinito, de limoeiros. Había ringleiras de limoeiros ata o final da terra, todos cheos de limóns enormes, amarelos e brillantes. O home falábame de que non lle restaba moito tempo de vida, e que ao morrer partiría cara ás estrelas. Logo pasaban outras cousas difusas. Finalmente eu confesáballe a miña tristura pola súa morte próxima, a miña inquedanza por non poder acompañalo naquela aventura. Entón el convidábame a visitalo cando eu quixera. Explicábame que botara a vida enteira cultivando os limoeiros para que cumpriran unha importante función: cando caese a noite sobre os campos, debía agarrar forte o limón que máis me gustase, e na escuridade ese limón sairía voando cara unha estrela. Despois eu contemplaba o brillo de todos os limóns naquel campo escuro: amarelos, enormes, brillantes. Hai un limón para cada persoa querida, explicábase el.

Lembrei os libros de Rafik Shami, un novelista sirio que me encantaba ler de pequena, e que é absolutamente recomendable, por certo, para nenos e maiores. Estaba editado antes naquela colección de Siruela, "de ocho a ochenta y ocho años". Que bonito é soñar!

2 comentarios:

Ana dijo...

Non sería xenial poder gravar os soños a unha memoria externa para poder editalos nun ordenador?

Anónimo dijo...

Non sería xenial poder gravar os soños a unha memoria externa para poder velos no ordenador?