21.1.10

Esta web tamén está en folga.

A AELG convida os escritores e escritoras a divulgar e facer pública a súa adhesión persoal a este pronunciamento colectivo nos diversos foros de comunicación en que como tal participa e asistir, na medida das súas posibilidades, á manifestación convocada na Alameda, en Santiago de Compostela, o día 21 de xaneiro, ás 11:30h.

(pois iso, subscribo)

Posicionamento da AELG
Perante as medidas involucionistas que o actual goberno da Xunta de Galiza vén pondo en marcha cara á lingua galega, idioma propio e oficial do noso país, creado senlleiramente pola sociedade galega ao longo da súa xa milenaria historia, que está a materializarse, por unha banda, na anulación de dereitos legais de recoñecemento administrativo da súa competencia e uso e, por outra, na forzada involución no proceso normalizador da súa aprendizaxe dentro do ámbito educativo, ignorando voces e argumentos dos especialistas da educación, da pedagoxía e dos profesionais do ensino, a AELG fai un chamamento á comunidade educativa galega, ao igual que os máis de 600 colectivos que constitúen a plataforma Queremos Galego, a apoiar o paro xeral no ensino do vindeiro xoves 21 de xaneiro, como contestación ao decretazo contra o galego.

Subscribimos, máis unha vez, os pronunciamentos anteriores públicos realizados pola AELG en relación á lingua de noso, ferramenta clave e nuclear da creación literaria, sexa ficcional ou non, na medida en que, desde a autoridade educativa e no exercicio das súas competencias e responsabilidades gobernativas, é preciso asegurar a competencia en lingua galega dos nenos e nenas desde a escola, como garante do desenvolvemento das habilidades lingüísticas que doten a infancia e a mocidade das destrezas básicas: comprender, falar, ler e escribir. Porque só desde o coñecemento amplo e sen prexuízos é posíbel entender un mundo habitado e pensado desde a biodiversidade real, lingüística e cultural, que debe medrar necesariamente desde o manexo das claves do respecto interpersoal.


No hay comentarios: