12.6.09

Lembro aquela secuencia marabillosa de Los lunes al sol; aquela na que Santa (Javier Bardem), rompe unha farola a pedradas despois de ser obrigado a pagar unha multa por romper outra farola idéntica, tempo atrás, no contexto das mobilizacións polo peche dos asteleiros e a reconversión industrial.

Penso que agora mesmo son partícipe desa sensación, a de non ter comigo as ferramentas do civismo para explicar, para me defender, do acoso e derribo que nos últimos tempos está sufrindo a lingua coa que traballo, a cultura da que bebo e vivo, o ensino público no que me formei.

Non tiña intención de escribir sobre isto, porque, como Santa, a desproporción das causas que me provocan esta rabia, o bífido das manobras, esa face de "inocencia interrumpida" que ten todo isto, fai que quede sen as palabras máis precisas, as necesarias, penso eu. Non tiña intención pero fareino nos días que veñen, aínda que sexa só por gastar lingua. Cando menos iso de gastar lingua non é arrebatable, e lendo as novas sobre o peche do programa "Libro aberto", por exemplo, pode que sexa das poucas cousas que nos quedan aos autores deste país. Aínda que lembrando a Siniestro Total, tamén
¡Menos mal que nos queda Portugal!


1 comentario:

r.r. dijo...

Mimá, se lograron cabrear un plácido confabularista, ¡que será de nós!