12.2.09

a felicidade de ser lector

Eu non sabería dicir exactamente por que son lectora, pero o caso é que sempre o fun sen pretensións, tal e como son muller, ou compostelana, ou estudante, ou filla, ou escritora. Enténdanme, non son lectora de maneira innata, non é unha condición per se, é un vicio aprendido, mais éo igual que xogar á play station, seguir unha telenovela ou facer ricos e elaboradísimos pasteis de fresas con nata. Desde nena vivín con proximidade ese prexuízo estraño de que os que lemos somos seres intelectuais: os listos, os gafapastas, os aburridos, os que non vemos comedias románticas no cine nin moito menos "A Xungla de Cristal catro"; en definitiva: os torpes en ximnasia. No meu caso é posible que esto último, mais só esto último, sexa certo. Porque nada hai máis lonxe da verdade que todos estes prexuízos. Os que gozamos da lectura somos seres con ínfulas de piratas, de robinsons, "marujas" incurables ansiosos de saber de outras vidas, hedonistas, exixentes catadores de palabras, viciosos sen máis do que Elena Medel deu en chamar "o virus dunha segunda vida a través das letras".

Eu tiven unha bisavoa que lía con fervor as novelas de vaqueiros que conseguía nos quioscos, non lembro o seu nome, non a coñecín nunca, mais gústame pensar nunha muller de pelo longo e branco, ancianísima, desexando rematar o almorzo para mergullarse durante horas no fart west americano. Gústame pensar tamén que ela sería simpatizante dos indios, non sei por que.

Cando eu era nena non vía a televisión, como máximo algunha serie de debuxos o domingo pola mañá. Ninguén mo prohibiu nunca, mais había cousas ao meu arredor que me interesaban máis. En troques das teleseries, devoraba novelas de todos os xéneros, países, autores e idiomas, en boas e malas traduccións, en edicións máis ou menos mediocres, seleccionadas da biblioteca familiar, da biblioteca do avó ou da biblioteca infantil e xuvenil que había na Rúa Nova en Santiago. Facíao normalmente xusto despois da cea, por espazo dun par de horas, antes de apagar a luz e durmir. Este espazo é o que na actualidade adico a escribir regularmente (agás nas épocas nas que unha historia ou un poemario precisan de min - e eu deles- a tempo completo, mañá e tarde). O costume de ler antes de durmir, porén, continúa aí, despois do tempo da escrita, agardando por min na mesa de noite. E fíxense que debe ser o único costume que conservo de sempre, é difícil abandonar os vicios.

A propósito de todo isto, quería falar dun texto de Daniel Pennac que rescatei dentro dunha pila de apuntes. Quería compartilo convosco. Trátase dos lexítimos dereitos do lector.

1. DEREITO A NON LEER

2. O DEREITO A SALTARNOS AS PÁXINAS

3. DEREITO A NON REMATAR UN LIBRO

4. DEREITO A RELEER

5. O DEREITO A LEER CALQUER COUSA

6. DEREITO Ó BOVARISMO (ENFERMIDADE DE TRANSMISIÓN TEXTUAL)

7. DEREITO A LER EN CALQUER SITIO

8. DEREITO A BOTAR UN VISTAZO

9. DEREITO A LER EN VIVA VOZ


Daniel Pennac: Como una novela, Anagrama, Barcelona,
1993

No hay comentarios: